AquaOurense lanza a app Potables para optimizar a xestión do ciclo da auga

Esta plataforma permitirá dixitalizar e previr posibles incidencias na calidade da auga

AquaOurense, empresa mixta formada por Viaqua e a Deputación de Ourense, segue avanzando para modernizar e realizar unha xestión máis eficiente do ciclo da auga na provincia de Ourense co lanzamento da app Potables. 

Esta plataforma permite ao persoal de mantemento dos concellos tomar os datos in situ, eliminando a necesidade de usar rexistros en papel e asegurando que a información se suba á plataforma SINAC de maneira eficiente e puntual. “Este proceso non só simplifica o cumprimento do RD 03/2023, senón que tamén mellora o control e seguimento de posibles incidencias na calidade da auga, garantindo unha rápida corrección.” declara o xerente de AquaOurense, Víctor Comesaña.

Entre as principais funcionalidades da APP destaca a capacidade de proporcionar datos en tempo real a AquaOurense. “Estes datos, tras unha revisión exhaustiva, sóbense á plataforma SINAC, asegurando unha transparencia e control total sobre a calidade da auga fornecida. Ademais, a plataforma inclúe un calendario que avisa aos operarios sobre os controis pendentes e as instalacións específicas onde deben realizarse, facilitando unha xestión proactiva e ordenada.” explica Comesaña.

Persoal de AquaOurense xa presentou esta ferramenta a concellos e persoal de Sanidade, obtendo unha excelente acollida nunha serie de encontros programados con máis municipios e persoal das diferentes administracións. Esta positiva recepción reflicte a necesidade e os beneficios da dixitalización na xestión de recursos hídricos.

Actualmente, 69 concellos da provincia teñen acceso a esta ferramenta, que forma parte das asistencias técnicas que AquaOurense e a Deputación poñen a disposición das entidades locais.

AquaOurense continúa así o seu compromiso coa innovación e a calidade na xestión da auga, asegurando que cada concello teña as ferramentas necesarias para cumprir coa normativa e proporcionar un servizo óptimo aos seus cidadáns.