AquaOurense presenta OU-Intelixente no Congreso Concellos 2030
A empresa mixta participou simultaneamente en ExpoMunicipal 2024, I Feira de Servizos Municipais de Galicia
AquaOurense, empresa mixta formada por Viaqua e a Deputación de Ourense, participou no Congreso Concellos 2030 e na I edición de Expomunicipal, a feira de servizos municipais de Galicia que tivo lugar os días 11, 12 e 13 de abril en Silleda.
Este encontro foi unha oportunidade para afianzar as alianzas entre empresas e administracións para seguir traballando xuntos en dar resposta aos desafíos das vindeiras décadas e facer os municipios galegos máis sostibles, eficientes, accesibles e verdes.
AquaOurense, participou no congreso Concellos 2030 cunha ponencia a cargo do seu responsable, Víctor Comesaña, e do director da Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, Javier Bobe, que expuxeron ante o público asistente o estado e avances de OU-Intelixente, a mellor proposta galega e a segunda mellor a nivel nacional no PERTE de Dixitalización da Auga. Un proxecto que pretende dixitalizar a xestión do ciclo da auga dos concellos ourensás de menos de 20.000 habitantes así como dos consorcios de Augas de Valdeorras e Os Peares, e que é todo un referente de colaboración público-privada.
Este ambicioso proxecto terá un orzamento de máis de 13 millóns de euros, 7,75 millóns de euros por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO) e unha cofinanciación de 5,7 millóns por parte da Deputación Provincial de Ourense, necesaria para facilitar o acceso dos Concellos a estas tecnoloxías, aos novos perfís profesionais requiridos, e aos novos servizos avanzados.
Durante a celebración da Feira, os asistentes puideron visitar o stand de máis de 100m² que AquaOurense compartía con Viaqua e Cetaqua Galicia, onde se celebraron catas de auga e charlas de temáticas como a dixitalización do ciclo da auga ou a presentación de diferentes proxectos de innovación.