O proxecto Ruagua, protagonista na presentación do Anuario 2023 da Fundación COTEC

  • Ruagua foi unha das tres propostas seleccionadas polo Proxecto Demos de promoción da economía circular en contornas rurais

  • O consorcio, de carácter público-privado, está formado por Cetaqua, AquaOurense e o Consorcio de Augas de Valdeorras

A Fundación COTEC celebrou o pasado 11 de outubro a presentación do Anuario 2023 do Informe COTEC. Un evento presidido polo Rei Felipe VI que estivo centrado en innovación e territorio e onde se presentaron os proxectos máis destacados do último ano, entre os que se atopa Ruagua, unha das tres propostas gañadoras do Proxecto Demos de economía circular en comunidades de menos de 5.000 habitantes. 

A esta presentación, acudiron, en representación da Deputación de Ourense, o deputado de Medio Ambiente, José María Lago, e o director técnico do Consorcio de Augas de Valdeorras, Javier Bobe, así como a alcaldesa de A Rúa, María Albert, o coordinador do proxecto, Sergio Santorio, e a responsable de comunicación do proxecto, Sonia Delpont.

Ruagua ten como obxectivo garantir a dispoñibilidade de auga durante épocas de seca e reducir o estrés hídrico na contorna da Rúa, unha zona especialmente sensible pola cada vez máis acentuada falta de chuvias e as necesidades hídricas da industria vitivinícola, de grande importancia na rexión. O proxecto conta cun enfoque circular baseado en tres eixos: xeración de auga rexenerada, uso de enerxía solar como fonte renovable e produción de compost a partir das augas residuais xeradas no contorno da EDAR. 

Cun orzamento de 300.000 euros concedidos por COTEC e IKEA, Ruagua conta coa participación de todos os actores locais interesados na reutilización e cogobernanza da auga. O proxecto é unha mostra da alianza público-privada entre a administración; co apoio do Concello da Rúa e a Deputación de Ourense; sector vitivinícola, coa participación de D.O. Valdeorras; o sector turístico, ca ruta do Viño de Valdeorras; e a empresa privada, da man de Aquaourense; o centro tecnolóxico da auga, Cetaqua; os servizos públicos, como o Consorcio Provincial contra incendios e salvamento de Ourense;  e os habitantes da Rúa.

Proxecto DEMOS, unha iniciativa para medir o impacto social, económico e ambiental da economía circular en comunidades rurais

O proxecto DEMOS desenvolverá tres demostradores de economía circular en tres pobos diferentes de España con menos de 5.000 habitantes, entre eles A Rúa, para medir o impacto social, económico e ambiental da economía circular en comunidades rurais, ademais de achegar valor e xerar evidencias da súa utilidade na toma de decisións por parte dos axentes responsables do despregamento de políticas de innovación, de desenvolvemento rural e de economía circular. As propostas seleccionadas nesta convocatoria de 2023 localízanse en Ourense, Burgos e Málaga.