O proxecto Ruagua achega a economía circular á cidadanía para facer fronte ao estrés hídrico

O municipio de A Rúa acolle un taller de participación cidadá con grupos locais e unha actividade no Colexio Pablo VI arredor da auga rexenerada

Ambas iniciativas enmárcanse dentro do proxecto Ruagua, froito da colaboración entre o Consorcio de Augas de Valdeorras, AquaOurense e Cetaqua 

A Rúa continúa apostando pola sostibilidade para facer fronte ao estrés hídrico. Así, durante esta semana, celebráronse no municipio dúas actividades enmarcadas no proxecto de innovación Ruagua. Esta iniciativa, coordinada polo Consorcio de Augas de Valdeorras, AquaOurense e Cetaqua, co impulso da Fundación Cotec e Ikea, propón un modelo de economía circular a través dun mellor aproveitamento dos recursos auga, enerxía e residuos. 

Ambas actividades enfocáronse en involucrar á poboación local de A Rúa para coñecer a súa perspectiva sobre a xestión da auga no territorio, a problemática da escaseza hídrica en períodos de seca ou a súa percepción sobre o uso da auga rexenerada. Para iso, realizouse un taller participativo para debater estas cuestións coa cidadanía e levou a cabo unha xornada de concienciación co alumnado do Colexio Pablo VI, no que se iniciou unha iniciativa de horto urbano. 

Auga rexenerada e Horto Urbano no Colexio Pablo VI da A Rúa

Investigadores de Cetaqua, no marco do proxecto Ruagua, participaron na Semana Cultural do Colexio Pablo VI impartindo unha charla sobre economía circular e auga rexenerada. O obxectivo desta iniciativa é concienciar ás novas xeracións sobre a escaseza dos recursos hídricos, a importancia de facer un uso responsable dos mesmos e a necesidade de empregar recursos alternativos como a auga rexenerada. Ademais, presentouse a actividade de Horto Urbano que o proxecto Ruagua desenvolverá conxuntamente co colexio Pablo VI nos vindeiros meses.

 

O alumnado de 3º, 4º da ESO e 1º de Bacharelato puido coñecer de primeira man como calcular a pegada hídrica do seu horto urbano segundo os alimentos que escollan plantar, ademais de obter información útil para a xestión e administración autónoma do mesmo durante os próximos meses. 

Desde AquaOurense, empresa mixta formada por Viaqua e a Deputación Provincial de Ourense, fíxose entrega nesta xornada de xerras de cristal para contribuír a fomentar a sostibilidade do centro escolar. AquaOurense, caso de éxito da colaboración público-privada no sector da auga e do medio ambiente, foi recoñecida como a mellor de Galicia pola súa proposta PERTE OU-Intelixente: a provincia da auga, cuxo obxectivo é dixitalizar o ciclo da auga nos 81 concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e os consorcios de augas de Valdeorras e Os Peares.

Xornadas de participación cidadá: Plan sostible da auga en A Rúa 

Outra das actividades levadas a cabo esta semana no marco do proxecto Ruagua foi o taller participativo coa comunidade local de A Rúa para cocrear unha folla de ruta cara a xestión sostible e xusta da auga. 

No taller abordáronse os desafíos da falta de auga durante os períodos de seca e plantexáronse accións sostibles que garantan a dispoñibilidade deste recurso no territorio. 

A colaboración público-privada como panca clave da circularidade

Ruagua é unha mostra da alianza público privada entre a administración; co apoio do Concello de A Rúa e a Deputación de Ourense; o sector vitivinícola, coa participación de D.O. Valdeorras; o sector turístico, coa ruta do Viño de Valdeorras; a empresa privada, da man de AquaOurense; o centro tecnolóxico da auga, Cetaqua; os servizos públicos, como o Consorcio Provincial contra incendios e salvamento de Ourense;  e os habitantes de A Rúa.

O proxecto achegará o uso da auga rexenerada en todos os sectores produtivos e nos servizos públicos dunha forma integral, dixital e eficiente, promovendo a sostibilidade na xestión da auga. Ademais, impulsará a produción de enerxía solar como fonte renovable, reducindo así as emisións de gases de efecto invernadoiro.